Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

12/03/2016

MODA | Con Fío en Galicia

MODA | Con Fío en Galicia

A ESCOLA DE ARTE E SUPERIOR DE DESEÑO MESTRE MATEO PARTICIPA NA EXPOSICIÓN “CON-FÍO EN GALICIA” NO MUSEO GAIÁS-CIDADE DA CULTURA.

A EASD Mestre Mateo participa na exposición “Con-fío en Galicia”, onte asistimos á inauguración no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. A exposición rende homenaxe ó labor levado a cabo polos deseñadores de moda galegos e pon en valor os logros conseguidos  polo sector téxtil de Galicia. A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo colabora no espazo adicado ós creadores emerxentes, a través dun traballo orixinal feito ex professo para esta exposición polos alumnos dos Estudios Superiores de Deseño de Moda que se imparten na Escola. 


A exposición “Con-fío en Galicia”converte en protagonistas á moda e ó sector téxtil galego e pretende consolidar a “marca Galicia”. A mostra exhibe 300 pezas para facer un ambicioso percorrido polo universo creativo de deseñadores galegos que colocaron as súas creacións nas pasarelas internacionais nos anos 80 (Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Florentino, etc.), e de marcas máis recentes (Bimba&Lola, D-Due, etc.), e tamén pon o foco no sector empresarial líder (Inditex ou Sociedade Téxtil Lonia). Na mostra tamén teñen cabida os novos valores do deseño contemporáneo (Eva Soto, Sara Coleman, etc.), así como propostas relacionadas coa sostenibilidade ou a investigación histórica, nun espazo para creadores emerxentes, onde participa a EASD Mestre Mateo.


A Escola de Arte e Superior de Deseño participa no espazo de creadores emerxentes que representan a exploración de novos camiños e linguaxes no eido do sector téxtil. 


Para esta participación propúxoselle á Escola a reinterpretación, en clave de indumentaria, de dúas pezas: un sarcófago denominado "Sartego de Paio Salgado Gondín", propiedade do Museo Provincial de Lugo, e un tapiz co nome de “Unha galega de Noya cun galego de Tuy, bailando a danza prima”, propiedade da Fundación Centro Etnográfico  Joaquín Díaz. A partir deste encargo, dende a Escola realizáronse tres estilismos (dous de muller e un de home) que reinterpretaran estas pezas históricas e que recollen a riqueza cultural galega ofrecendo unha visión entre o presente e o pasado. Nesta labor leváronse a cabo colaboracións entre os Estudos Superiores de Deseño de Moda da Escola e outras especialidades e estudos do centro para converter en proveitosa e positiva a experiencia de traballar en equipo. O resultado son pezas de indumentaria (roupa e complementos) que incorporan diversos materiais e tecidos: madeiras, tecidos actuais, antigos, mallas, etc. 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 11 de setembro.

Máis información: http://www.cidadedacultura.gal/es/evento/con-fio-en-galicia

Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria