Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

09/03/2016

FOTOGRAFÍA | FOTOGRAFAR AQUÍ E NON MORRER COA FAME. Palestra de Vítor Nieves

FOTOGRAFÍA  | FOTOGRAFAR AQUÍ E NON MORRER COA FAME. Palestra de Vítor Nieves

Dirixida principalmente para o alumnado de Fotografía, pero aberta ao público en xeral, o mércores terá lugar na EASD Mestre Mateo a palestra: Fotografar aquí e non morrer coa fame, de Vítor Nieves.

Na citada palestra, debullarase o prantexamento actual para quen traballa na fotografía contemporánea sexa cal sexa o soporte que queira traballar e desde os circuitos máis oficiais até os alternativos.

Nesta conversa farase un mapeamento do eido fotográfico na Galiza e as posíbeis conexións internacionais cun breve percorrido historiográfico tratando de ver as oportunidades na contorna próxima para autoras e autores na actualidade. Alén do papel das institucións, destacarase o importante papel dos festivais, editoriais e asociacións ou grupos que traballan en prol da fotografía en chave contemporánea e que aportan un abano de posibilidades para os traballos fotográficos.

Abordaremos tamén os camiños a seguir para encetar un ensaio fotográfico desde o seu inicio até como visibilizar o porfolio, o papel dos e das curadoras, os premios, o auxe dos fotolibros e as becas para criación, residencia ou produción.

Vítor Nieves, Parada da Serra (A Gudiña), 1980.

Realizou estudos de fotografía na Escola Superior de Arte Antón Faílde de Ourense. Ten feito obradoiros con Joan Fontcuberta, Humberto Rivas ou Ricard Terré, entre outros e foi especializándose con diversos cursos de posgrao en arte contemporánea e curadoría de exposicións.

Traballou no eido do fotoxornalismo en La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, La Región, Diario de Arousa ou El Mundo entre outros.

Ten participado en diversas exposicións individuais como “Minorca, caderno de viaxe”, itinerante por toda Galiza ou “Introspecciones”, na Universidade Carlos III de Madrid; e noutras colectivas como “Palabra Intervenida” na Galería Dosmilvacas.arte, ou “AF” no Jornal Universitário do Porto. Publicou fotos en varios libros, revistas e catálogos entre os que destaca: “Ocultacións e Inexistencias” editado pola Xunta.

Seleccionado en numerosas ocasións en certames como o “Artes Plásticas” da Deputación de Ourense, o “GzCrea” da Xunta de Galicia, ou o “I Premio Artes Plásticas da Universidade de Castilla y La Mancha”.

Como comisario ten feito traballos como “Iconos” ou “25 Outonos” para a Xunta de Galicia, “Espazo_Sete” que itinerou por Valdeorras, o Bierzo e o Porto, “Realidade Animada” que percorreu Galiza, ou “Dona Interior”, unha mostra da Secretaría Xeral de Igualdade. Foi director artístico de “Palabra en Movemento” unha performance-exposición que itinerou por todo o país. Ademais ten coordinado varias publicacións de fotoboks, e conta con edicións monográficas como “Don’t look at my camera” un estudo sobre a fotografía escenificada.

Foi director da Galería Sargadelos durante tres anos, e en 2012 é nomeado coordinador do festival Outono Fotográfico do que é curador. Foi relator en seminarios e obradoiros de fotografía e xurado en concursos fotográficos, así como revisor de portfolios en varios festivais internacionais.

En 2013 cría o Premio Galiza de Fotografía Contemporánea que coordina até hoxe. Actualmente traballa como curador independente e en producións fotográficas e culturais para varias institucións na Galiza e norte de Portugal. É crítico de arte especializado en fotografía en varias publicacións xeralistas e especializadas. Ademais é conselleiro da Galería Imagem Brasil de Fortaleza, colaborador dos Encontros da Imagem de Braga (Portugal) e coordinador da colección de fotografía da editorial Difusora. 

Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria