Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

27/10/2017

DESPUNTE2017| O ALUMNADO DA EASD MESTRE MATEO “DESPUNTA” UN ANO MÁIS NA CIDADE DA CULTURA

DESPUNTE2017| O ALUMNADO DA EASD MESTRE MATEO “DESPUNTA” UN ANO MÁIS NA CIDADE DA CULTURA

Santiago, 25 outubro de 2017. O venres 3 de novembro, a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo celebra unha nova edición do desfile DESPUNTE na Cidade da Cultura.

O obxectivo do desfile é visibilizar o talento, o saber facer e as horas de traballo invertidas nos Traballos Finais de Estudos (TFE) do alumnado graduado no curso 2016-2017. A temática dos Traballos Finais é totalmente libre, polo que unha edición máis compartirán pasarela coleccións moi diferentes, nas que se traballa sobre o escuro e o luminoso, o artificial e o natural, o liso e o estampado, o minimalismo e o maximalismo, a tradición e a innovación, desde Europa até Norteamérica, pasando por África e Xapón.

 

Como en edicións anteriores, na tarde do venres 3 de novembro tamén poderemos ver traballos realizados polo alumnado dos últimos cursos das Ensinanzas Superiores de Deseño de Moda, na parte do desfile baixo o título de MISCELÁNEA. Desta vez poderemos ollar o traballo de trece futuras deseñadoras nos que facendo uso da integración dos coñecementos adquiridos nas distintas materias amosarán proxectos ben diferentes nos que a artesanía, o material de refugallo, a coidada patronaxe, a utilización de tecidos con tinguidos e estampados persoalizados... aportan valor engadido ás prendas.

 

Ano tras ano, o interese que esperta o Despunte segue a medrar. Nas últimas edicións case 1000 convidados/as entre representantes de empresas, organismos oficiais, comunicadores/as, deseñadores, artesáns… ademais de familiares e compañeiros/as do alumnado, achegáronse ata a Cidade da Cultura para asistir ao Despunte dunha nova promoción de deseñadores e deseñadoras de moda formada na Escola Mestre Mateo.

 

O alumnado dos primeiros cursos (fundamentalmente 1º e 2º) colabora asumindo diversas funcións na organización, de xeito que ó rematar á carreira acadan unha visión global do que supón a organización dun evento coma este.

 

O traballo realizado durante toda a xornada e os días posteriores polo alumnado do CS de Fotografía, ademais de servir como práctica profesional nun evento de moda, fai posible que todos eses momentos que viviremos un ano máis tanto na pasarela como no backstage queden rexistrados a través dos obxectivos das súas cámaras.

 

A organización desta edición do desfile apoiase tamén nas colaboracións do “CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional) Someso” de A Coruña para perruquería e maquillaxe dos modelos, “Galicia Calidade”, “Fundación Cidade da Cultura de Galicia”, “Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño”, e “El Corte Inglés”.

Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria