Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

27/10/2017

DESPUNTE2017| O ALUMNADO DA EASD MESTRE MATEO “DESPUNTA” UN ANO MÁIS NA CIDADE DA CULTURA

DESPUNTE2017| O ALUMNADO DA EASD MESTRE MATEO “DESPUNTA” UN ANO MÁIS NA CIDADE DA CULTURA

Santiago, 25 outubro de 2017. O venres 3 de novembro, a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo celebra unha nova edición do desfile DESPUNTE na Cidade da Cultura.

O obxectivo do desfile é visibilizar o talento, o saber facer e as horas de traballo invertidas nos Traballos Finais de Estudos (TFE) do alumnado graduado no curso 2016-2017. A temática dos Traballos Finais é totalmente libre, polo que unha edición máis compartirán pasarela coleccións moi diferentes, nas que se traballa sobre o escuro e o luminoso, o artificial e o natural, o liso e o estampado, o minimalismo e o maximalismo, a tradición e a innovación, desde Europa até Norteamérica, pasando por África e Xapón.

 

Como en edicións anteriores, na tarde do venres 3 de novembro tamén poderemos ver traballos realizados polo alumnado dos últimos cursos das Ensinanzas Superiores de Deseño de Moda, na parte do desfile baixo o título de MISCELÁNEA. Desta vez poderemos ollar o traballo de trece futuras deseñadoras nos que facendo uso da integración dos coñecementos adquiridos nas distintas materias amosarán proxectos ben diferentes nos que a artesanía, o material de refugallo, a coidada patronaxe, a utilización de tecidos con tinguidos e estampados persoalizados... aportan valor engadido ás prendas.

 

Ano tras ano, o interese que esperta o Despunte segue a medrar. Nas últimas edicións case 1000 convidados/as entre representantes de empresas, organismos oficiais, comunicadores/as, deseñadores, artesáns… ademais de familiares e compañeiros/as do alumnado, achegáronse ata a Cidade da Cultura para asistir ao Despunte dunha nova promoción de deseñadores e deseñadoras de moda formada na Escola Mestre Mateo.

 

O alumnado dos primeiros cursos (fundamentalmente 1º e 2º) colabora asumindo diversas funcións na organización, de xeito que ó rematar á carreira acadan unha visión global do que supón a organización dun evento coma este.

 

O traballo realizado durante toda a xornada e os días posteriores polo alumnado do CS de Fotografía, ademais de servir como práctica profesional nun evento de moda, fai posible que todos eses momentos que viviremos un ano máis tanto na pasarela como no backstage queden rexistrados a través dos obxectivos das súas cámaras.

 

A organización desta edición do desfile apoiase tamén nas colaboracións do “CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional) Someso” de A Coruña para perruquería e maquillaxe dos modelos, “Galicia Calidade”, “Fundación Cidade da Cultura de Galicia”, “Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño”, e “El Corte Inglés”.






15/10/2017

PRODUTO| 1º premio CONCURSO DESEÑO DE CADEIRA

PRODUTO| 1º premio CONCURSO DESEÑO DE CADEIRA

O deseño de Nicolás Nieto Cores, alumno de 4º curso das EESS Deseño de Produto na EASD Mestre Mateo, 1º premio do CONCURSO DE DESEÑO E REALIZACIÓN DE CADEIRA, convocado pola Cidade da Cultura.
A cadeira gañadora pódese ver estes días na Cidade da Cultura de Galicia, compartindo espazo coas cadeiras dos deseñadores pioneiros e actuais que forman parte da exposición Da árbore á cadeira.
O deseño de Nicolás Nieto Cores responde ao obxectivos do concurso: deseñar unha cadeira en madeira natural para empregar como cadeira de terraza de bar, plegable ou apilable.
Felicitamos dende aquí a Nico, que nestes días atópase en Milán aproveitando a súa beca Erasmus e deixamos as imaxes do seu deseño rematado na exposición.
Parabéns 
#somosmestremateo #deseñodeproduto #productdesign #diseñodeproduto #cadeira #silla #madeira #alumnadodepremio






13/10/2017

ERASMUS | Vista de profesorado da Mestre Mateo a Xordania

ERASMUS | Vista de profesorado da Mestre Mateo a Xordania

A profesora de Volume, Uxía Santás e o profesor de Historia, Santiago Meis atópanse por terras xordanas, facendo, xunto con outros profesores e profesoras de Institucións de Ensinanza Artística de toda España, unha mobilidade Erasmus+. Trátase dunha visita oficial á University of Arts de Amman. Realizamos estas mobilidades da man do Consorcio de Artes dirixido pola EASD Antonio Faílde de Ourense. Levan alí toda a semana e estarán de volta nas súas aulas o vindeiro luns 16 de Outubro. ¡Boa viaxe!






05/10/2017

PRODUTO| Visita didáctica MADEIRA

PRODUTO| Visita didáctica MADEIRA

Esta semana, o alumnado de 2º de Deseño de Produto achegouse ata a Cidade da Cultura de Galicia para visitar dúas exposicións relacionadas coa madeira, que é un dos materiais sobre os que lles toca traballar este curso.
En primeiro lugar visitaron a exposición CONEXIÓN by FINSA. Un percorrido virtual expositivo que traza a cadea de valor da madeira a través dos oficios que nela interveñen, descubríndonos as súas ligazóns cos nosos espazos de vida.
A continuación fixeron a visita á exposición Da árbore á cadeira, que propón unha viaxe emocional da materia ao produto, da madeira ao mobiliario doméstico, dirixindo a mirada dos visitantes cara a riqueza ambiental dos bosques, a tradición en Galicia dos oficios vinculados ás artes da madeira e ao deseño contemporáneo do moble.

Moitas gracias aos nosos guías nestes dous percorridos e a Finsa pola invitación.






05/10/2017

FOTOGRAFÍA| Gervasio Sánchez. Vida

FOTOGRAFÍA| Gervasio Sánchez. Vida

Esta semana alumnado e profesoraro do CS de Fotografía da Mestre Mateo, tiveron a oportunidade de asistir á presentación aos medios e percorrer da man do propio autor, a exposición Vida, de Gervasio Sánchez.

A Sede Afundación de Santiago de Compostela acolle do 5 de outubro ao 7 de xaneiro a mostra «Vida» de Gervasio Sánchez, unha selección de 68 fotografías, a maioría inéditas, que amosan o triunfo da vida sobre a traxedia da guerra e a violencia.

As imaxes,  tomadas polo fotoxornalista e Premio Nacional de Fotografía Gervasio Sánchez, en moi diversos tempos, lugares e contextos, no seu labor como reporteiro dedicado a conflitos armados en todo o planeta. 

As súas imaxes concéntranse en mostrar como a vida se sobrepón, como se manifesta en medio das ruínas da guerra e a morte, superándoas. Sánchez convértese así nun fotógrafo que desenvolve o seu labor xornalístico documentando os conflitos con rigor, mais sen caer no sensacionalismo nin a frivolización, antepoñendo sempre a dignidade das vítimas. 






mes anterior mes seguinte
Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria