Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

16/03/2016

CONFERENCIAS MM| CLAVES PARA A PRESENTACIÓN DUN PROXECTO, por Diego Carracedo.

CONFERENCIAS MM| CLAVES PARA A PRESENTACIÓN DUN PROXECTO, por Diego Carracedo.

"Saber expresar unha idea é tan importante como a idea mesma"
"A presentación dun proxecto é como a punta dun iceberg, so amosamos unha pequena parte de todo o traballo realizado no proxecto, por iso é tan importante facela ben".
Isto foi o arranque da conferencia de Diego Carracedo na que en 50 tweets deunos ferramentas doadas e útiles para mellorar as nosas presentacións.
Agora tócanos a nós poñelas en práctica.
O cheo absoluto no Salón de Actos (tanto de profes como de alumnado) confírmanos que é un tema no que todxs queremos mellorar.
Moitas grazas a Diego Carracedo pola aprendizaxe, pola visita, por facernos berrar, e porque aínda enriba, o pasamos ben.

 






15/03/2016

ESCULTURA| Visita de alumnado de Educación Infantil do CP Silleda ós talleres de Escultura da Mestre Mateo

ESCULTURA| Visita de alumnado de Educación Infantil do CP Silleda ós talleres de Escultura da Mestre Mateo

A semana pasada recibimos esta visita tan especial.
Nenos e nenas de entre 3 e 4 anos invadiron os talleres de Escultura nunha visita organizada pola súa profesora Lorena Toimil e que, xunto coa visita ás esculturas de Henry Moore no Obradoiro, formaba parte dun proxecto educativo sobre a Escultura.
Os profes da Mestre Mateo Óscar Aldonza e Juan Ramón Pérez fixeron de guías polos distintos talleres.

Máis imaxes no facebook






12/03/2016

MODA | Con Fío en Galicia

MODA | Con Fío en Galicia

A ESCOLA DE ARTE E SUPERIOR DE DESEÑO MESTRE MATEO PARTICIPA NA EXPOSICIÓN “CON-FÍO EN GALICIA” NO MUSEO GAIÁS-CIDADE DA CULTURA.

A EASD Mestre Mateo participa na exposición “Con-fío en Galicia”, onte asistimos á inauguración no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. A exposición rende homenaxe ó labor levado a cabo polos deseñadores de moda galegos e pon en valor os logros conseguidos  polo sector téxtil de Galicia. A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo colabora no espazo adicado ós creadores emerxentes, a través dun traballo orixinal feito ex professo para esta exposición polos alumnos dos Estudios Superiores de Deseño de Moda que se imparten na Escola. 


A exposición “Con-fío en Galicia”converte en protagonistas á moda e ó sector téxtil galego e pretende consolidar a “marca Galicia”. A mostra exhibe 300 pezas para facer un ambicioso percorrido polo universo creativo de deseñadores galegos que colocaron as súas creacións nas pasarelas internacionais nos anos 80 (Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Florentino, etc.), e de marcas máis recentes (Bimba&Lola, D-Due, etc.), e tamén pon o foco no sector empresarial líder (Inditex ou Sociedade Téxtil Lonia). Na mostra tamén teñen cabida os novos valores do deseño contemporáneo (Eva Soto, Sara Coleman, etc.), así como propostas relacionadas coa sostenibilidade ou a investigación histórica, nun espazo para creadores emerxentes, onde participa a EASD Mestre Mateo.


A Escola de Arte e Superior de Deseño participa no espazo de creadores emerxentes que representan a exploración de novos camiños e linguaxes no eido do sector téxtil. 


Para esta participación propúxoselle á Escola a reinterpretación, en clave de indumentaria, de dúas pezas: un sarcófago denominado "Sartego de Paio Salgado Gondín", propiedade do Museo Provincial de Lugo, e un tapiz co nome de “Unha galega de Noya cun galego de Tuy, bailando a danza prima”, propiedade da Fundación Centro Etnográfico  Joaquín Díaz. A partir deste encargo, dende a Escola realizáronse tres estilismos (dous de muller e un de home) que reinterpretaran estas pezas históricas e que recollen a riqueza cultural galega ofrecendo unha visión entre o presente e o pasado. Nesta labor leváronse a cabo colaboracións entre os Estudos Superiores de Deseño de Moda da Escola e outras especialidades e estudos do centro para converter en proveitosa e positiva a experiencia de traballar en equipo. O resultado son pezas de indumentaria (roupa e complementos) que incorporan diversos materiais e tecidos: madeiras, tecidos actuais, antigos, mallas, etc. 

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 11 de setembro.

Máis información: http://www.cidadedacultura.gal/es/evento/con-fio-en-galicia






11/03/2016

ERASMUS+ | SMS 2016-2017 | Notificación sobre a publicación de listaxes definitivas - Moda e Produto

ERASMUS+ | SMS 2016-2017 | Notificación sobre a publicación de listaxes definitivas - Moda e Produto

Publicada no taboleiro de anuncios unha notificación sobre a data de exames de nivel B1 e B2 de inglés e data de publicación das listaxes definitivas.

Podes consultala AQUÍ






09/03/2016

FOTOGRAFÍA | FOTOGRAFAR AQUÍ E NON MORRER COA FAME. Palestra de Vítor Nieves

FOTOGRAFÍA  | FOTOGRAFAR AQUÍ E NON MORRER COA FAME. Palestra de Vítor Nieves

Dirixida principalmente para o alumnado de Fotografía, pero aberta ao público en xeral, o mércores terá lugar na EASD Mestre Mateo a palestra: Fotografar aquí e non morrer coa fame, de Vítor Nieves.

Na citada palestra, debullarase o prantexamento actual para quen traballa na fotografía contemporánea sexa cal sexa o soporte que queira traballar e desde os circuitos máis oficiais até os alternativos.

Nesta conversa farase un mapeamento do eido fotográfico na Galiza e as posíbeis conexións internacionais cun breve percorrido historiográfico tratando de ver as oportunidades na contorna próxima para autoras e autores na actualidade. Alén do papel das institucións, destacarase o importante papel dos festivais, editoriais e asociacións ou grupos que traballan en prol da fotografía en chave contemporánea e que aportan un abano de posibilidades para os traballos fotográficos.

Abordaremos tamén os camiños a seguir para encetar un ensaio fotográfico desde o seu inicio até como visibilizar o porfolio, o papel dos e das curadoras, os premios, o auxe dos fotolibros e as becas para criación, residencia ou produción.

Vítor Nieves, Parada da Serra (A Gudiña), 1980.

Realizou estudos de fotografía na Escola Superior de Arte Antón Faílde de Ourense. Ten feito obradoiros con Joan Fontcuberta, Humberto Rivas ou Ricard Terré, entre outros e foi especializándose con diversos cursos de posgrao en arte contemporánea e curadoría de exposicións.

Traballou no eido do fotoxornalismo en La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, La Región, Diario de Arousa ou El Mundo entre outros.

Ten participado en diversas exposicións individuais como “Minorca, caderno de viaxe”, itinerante por toda Galiza ou “Introspecciones”, na Universidade Carlos III de Madrid; e noutras colectivas como “Palabra Intervenida” na Galería Dosmilvacas.arte, ou “AF” no Jornal Universitário do Porto. Publicou fotos en varios libros, revistas e catálogos entre os que destaca: “Ocultacións e Inexistencias” editado pola Xunta.

Seleccionado en numerosas ocasións en certames como o “Artes Plásticas” da Deputación de Ourense, o “GzCrea” da Xunta de Galicia, ou o “I Premio Artes Plásticas da Universidade de Castilla y La Mancha”.

Como comisario ten feito traballos como “Iconos” ou “25 Outonos” para a Xunta de Galicia, “Espazo_Sete” que itinerou por Valdeorras, o Bierzo e o Porto, “Realidade Animada” que percorreu Galiza, ou “Dona Interior”, unha mostra da Secretaría Xeral de Igualdade. Foi director artístico de “Palabra en Movemento” unha performance-exposición que itinerou por todo o país. Ademais ten coordinado varias publicacións de fotoboks, e conta con edicións monográficas como “Don’t look at my camera” un estudo sobre a fotografía escenificada.

Foi director da Galería Sargadelos durante tres anos, e en 2012 é nomeado coordinador do festival Outono Fotográfico do que é curador. Foi relator en seminarios e obradoiros de fotografía e xurado en concursos fotográficos, así como revisor de portfolios en varios festivais internacionais.

En 2013 cría o Premio Galiza de Fotografía Contemporánea que coordina até hoxe. Actualmente traballa como curador independente e en producións fotográficas e culturais para varias institucións na Galiza e norte de Portugal. É crítico de arte especializado en fotografía en varias publicacións xeralistas e especializadas. Ademais é conselleiro da Galería Imagem Brasil de Fortaleza, colaborador dos Encontros da Imagem de Braga (Portugal) e coordinador da colección de fotografía da editorial Difusora. 






mes anterior mes seguinte
Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria