Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

21/12/2015

PRODUTO| 2 días, un feixe de ideas. Exposición na nave 5 do Mercado de Abastos do resultado do obradoiro de embalaxes

PRODUTO| 2 días, un feixe de ideas. Exposición na nave 5 do Mercado de Abastos do resultado do obradoiro de embalaxes

Ata o día 5 de xaneiro na nave 5 do Mercado de Abastos, formando parte do Mercado de Nadal, poderedes ver os conceptos resultantes do obradoiro de embalaxes realizado na escola o 15 e 16 de decembro.

2 días, un feixe de ideas


Ingredientes: Un monllo de grelos, cogumelos,  unha folla de bacallau,  un queixo de Arzúa, outro de tetilla, hamburguesas de boi e castañas.

Preparación: xuntar todos os ingredientes na EASD Mestre Mateo,  engadir 20 alumnos e alumnas de Deseño de Produto e cociñar durante 2 días remexendo cada pouco  con Xabier e Ricardo de cenlitrosmetrocadrado

Resultado: un feixe de propostas de embalaxes nada convencionais para sumar prestixio e dotar da importancia que merecen ós nosos produtos de mercado.

Todo conseguido a partir de materiais ben humildes como o papel e o cartón. No deseño destas propostas consideráronse, entre outros, factores como as necesidades relativas á exposición do produto, pre-embalado e apilamento, segundas vidas/reutilización da embalaxe, xestión dos residuos/pegada ecolóxica, durabilidade...

Cenlitrosmetrocadrado é un estudio de deseño e comunicación composto polos deseñadores Xabier Rilo, Ricardo Tubío e Manuel del Río e unha ampla rede de colaboradores externos en outros eidos tanxenciais á propia actividade do estudio. Cunha identidade de marcado carácter atlántico desenvolve proxectos que van dende o deseño gráfico, de produto e de espazos ata a coordinación de equipas de traballo en ámbitos creativos. Na súa traxectoria ten desenvolvido proxectos que reflexionan sobre a problemática que rodea á acción de compravenda de produtos de alimentación, achegando solucións que atenden a factores como a sostibilidade, a trazabilidade, a tradición, a calidade ou o comercio xusto. cenlitrosmetrocadrado.com

MÁIS QUE VECIÑOS. Obradoiro de embalaxes con cenlitrosmetrocadrado na EASD Mestre Mateo

#maisqueveciños #somosmestremateo #cenlitrosmetrocadrado






15/12/2015

PRODUTO| Obradoiro embalaxes con cenlitrosmetrocadrado para produtos do Mercado de Abastos

PRODUTO| Obradoiro embalaxes con cenlitrosmetrocadrado para produtos do Mercado de Abastos

MÁIS QUE VECIÑOS. Obradoiro de deseño aplicado a embalaxes de produtos de mercado na EASD Mestre Mateo, con cenlitrosmetrocadrado

Durante os días 15 e 16 de decembro o alumnado de 3º de Deseño de Produto participa nun obradoiro de Deseño de embalaxes, con cenlitrosmetrocadrado.
Dous días de traballo intensivo no que o alumnado participante adicarase en exclusiva ao deseño dunha liña de embalaxes para produtos do Mercado de Abastos da tempada outono-inverno. O obxectivo é diferenciar a presentación dunha serie de produtos característicos desta época mediante unha solución de embalaxe “premium” alternativa á convencional. 

A proposta de traballo do obradoiro intégrase baixo o paraugas MÁIS QUE VECIÑOS, que é como dende a Mestre Mateo bautizamos aqueles proxectos nos que dalgunha forma, traballamos “enredados” cos nosos veciños do Mercado de Abastos.
A vindeira semana, colocaremos nunha das vitrinas do mercado de nadal que se celebra estes días na nave 5 do mercado, algunhas das mellores propostas que resulten do obradoiro.
#maisqueveciños #somosmestremateo






02/12/2015

SINERXÍAS MM| Arquitectura Efémera+Cantigas e Agarimos

SINERXÍAS MM| Arquitectura Efémera+Cantigas e Agarimos

O 27 de decembro temos unha cita coa estrea de Balbino, o novo espectáculo da compañía Cantigas e Agarimos

Dende o curso pasado o departamento de Arquitectura Efémera da Mestre Mateo e a alumna Mariña de Toro Cuns están a traballar no deseño dunha parte do espectáculo.

Neste mes escaso que resta para a estrea, Mariña ten que entregar e defender o seu proxecto final do CS de Arquitectura Efémera, doutra banda, os elementos deseñados para o escenario rematan de producirse e despois toca ensaios xerais con vestiario e escenografía...

Un mes ben intenso que rematará coa estrea do espectáculo o 27 de decembro no Auditorio de Galicia.






02/12/2015

ESCULTURA| O profesor Óscar Aldonza Torres, Acessit no II concurso de Escultura Asorey coa escultura

ESCULTURA| O profesor Óscar Aldonza Torres, Acessit no II concurso de Escultura Asorey coa escultura

 

Parabéns ao profesor Óscar Aldonza Torres, Acessit no II concurso de Escultura Asorey coa escultura “Ciclo”

Óscar é profesor no CS de Escultura na Mestre Mateo e tamén foi alumno no seu tempo ademais de Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Sevilla na especialidade de Escultura.

Gañador do XIV Simposio Internacional de Escultura de O Grove, partipou en numerosas exposicións individuais e colectivas dende o ano 1998 e é autor de diferentes monumentos, entre os que destacan:

"MONUMENTO ÓS VOLUNTARIOS DO PRESTIGE". O Grove.
“CROMLECH DO DRUIDA POETA”.Trasellas,Teo.
“O CAMBIO NECESARIO”. Sigüeiro, Oroso.
“ARMILAR 2014”. Parque das Ciencias, Santiago de Compostela.

Podedes máis esculturas presentadas ao certame aquí:


http://www.franciscoasorey.es/certame-francisco-asorey-2015/

 






mes anterior mes seguinte
Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria