Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

02/07/2019

A Fundación DIDAC presenta o proxecto MAGISTRVM-EASD Mestre Mateo

A Fundación DIDAC presenta o proxecto MAGISTRVM-EASD Mestre Mateo

A Fundación DIDAC presenta o proxecto MAGISTRVM-EASD Mestre Mateo

A inauguración terá lugar o xoves 4 de Xullo ás 19 horas na Fundación DIDAC. Rúa Pérez Costanti 12. Santiago de Compostela.

O proxecto MAGISTRVM nace en consonancia cun dos obxectivos fundamentais da Fundación DIDAC e da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo: poñer en valor o deseño para a súa definitiva integración como parte indisociable da estratexia empresarial. Ambas institucións están convencidas da necesidade de potenciar a transmisión de coñecemento para posibilitar a creatividade entre xeracións e visibilizar as diferentes expresións do deseño de cara a que o potencial creativo funcione como motor do desenvolvemento industrial e cultural.  

MAGISTRVM concíbese como un punto de encontro anual para coñecer o traballo dos alumnos das Ensinanzas Superiores de Deseño de Produto da EASD Mestre Mateo e ao mesmo tempo proxectar as numerosas posibilidades dunha disciplina que abrangue múltiples sectores produtivos. Nesta mostra poderanse ver traballos de: Marta Collazo, Carla Cores, Carlos Domínguez, Miguel Duarte, Maribel Garrido, Borja Menduiña, Antía Molares, Diego Prieto, Alberto Quintela, Lucía Ramos, Eduardo Rial e Marta Torrado.

Estes traballos que serán exhibidos na Fundación DIDAC acompañaranse cada ano dunha mostra individual de deseñadores ou deseñadoras que teñan pasado pola EASD Mestre Mateo e que agora gocen dunha traxectoria importante dentro do mundo do deseño nacional ou internacional. Este é o caso do primeiro convidado: Isaac Piñeiro (Pontevedra, 1976),deseñador cofundador de Nadadora e fundador de Isaac Piñeiro Design Studio. O proxecto MAGISTRVM está comisariado por David Barro.

Isaac Piñeiro, deseñador convidado

Despois de graduarse na EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, Isaac Piñeiro trasladouse a Valencia onde estudou deseño de produto, para continuar a súa formación na Scuola Politécnica di Milano, onde tivo a oportunidade de aprender de profesionais como Odoardo Foiravanti, Huub Ubbens ou Matali Crasset. Isaac Piñeiro ten deseñado para firmas como Sancal, Pott, Ferrero Italia, Mobenia ou Omelette Editions. O principal obxectivo do deseñador Isaac Piñeiro é crear produtos intuitivos baseados na procura da eficiencia na concepción, produción e deseño. O seu traballo foi publicado e exhibido en varios medios de comunicación, museos e feiras internacionais. Un dos seus últimos recoñecementos foi o premio Best of the Year 2017 da revista Interior Design Magazine pola súa colección de asentos Tortuga.

Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria