Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

[Escola]

Política de Calidade

Política de calidade das Escolas de Arte e Superiores de Galicia
A Rede de Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia, ten unha implicación clara e un compromiso definido coa calidade, como se describe na nosa Misión, Visión e Valores. 
Misión
Descríbese nos seguintes puntos:

  • Establecer unha oferta de formación artística e técnica superior e unha formación profesional, artística e técnica, flexible, articulada e de calidade, adaptada ás dinámicas culturais da poboación e ás necesidades técnicas xeradas polo mundo produtivo, proporcionando servizos para a cualificación e a recualificación das persoas ao longo da vida.
  • Prestar servizos de información e de orientación profesional ás persoas para tomar as decisións máis axeitadas respecto do desenvolvemento da súa actividade profesional.
  • Establecer un espazo de colaboración entre o sistema de formación artístico -profesional  e artístico- superior e os ámbitos produtivo, sectorial, local e cultural para desenvolver e estender unha cultura da formación permanente, 
  • Fomentar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, con especial incidencia na erradicación de prexuízos. 
  • Facilitar o acceso da mocidade ao primeiro emprego, así como a conservación e  mellora do posto de traballo dos traballadores e das traballadoras, mediante unha oferta formativa de calidade, que promova a aprendizaxe permanente e a capacidade de adaptación aos cambios sociais, culturais, organizativos e tecnolóxicos. 
  • Impulsar e mellorar as aptitudes, as actitudes e as competencias artísticas e profesionais  do alumnado, promovendo proxectos de iniciativa emprendedora, mobilidade, perfeccionamento profesional e cooperación, nun contexto internacional.

Visión
Como Escolas de Arte e Superiores de Deseño, proporcionaremos unha formación integral ao noso alumnado que lle facilite a participación activa e responsable como cidadáns, polo que ofreceremos unha oferta formativa completa e de calidade que conduza á obtención de títulos de formación artística- profesional e formación artística- superior, atendendo as necesidades que demande o mercado laboral e consolidando vínculos con todas as empresas, estudos, talleres e institucións  do contorno produtivo, social e cultural.
Valores
As Escolas de Arte e Superiores de Deseño orientamos as nosas accións para: 

  • Fomentar valores de convivencia, cooperación e respecto.
  • Ofrecer uns servizos educativos e formativos de calidade.
  • Procurar a satisfacción da comunidade buscando atender as súas necesidades, identificando ás súas expectativas e observando o cumprimento da misión, a visión e os valores da institución.
  • Mellorar continuamente a calidade dos servizos prestados, a través da innovación e o traballo en equipo, para crear valor aos nosos usuarios mediante un sistema de calidade total, co compromiso de cumprir cos requisitos do sistema e de mellorar continuamente a súa eficacia e eficiencia. 
  • Ofrecer as cualificacións profesionais requiridas para dar resposta ás necesidades e demandas do noso ámbito socioeconómico.
  • Optimizar os recursos públicos dispoñibles, fundamentados nas tecnoloxías da información e da comunicación, para reproducir procesos sustentables, cun profesorado formado tanto na didáctica coma nas innovacións tecnolóxicas. 
  • Fomentar o espírito emprendedor e o desenvolvemento de actividades empresariais, de autoemprego e de innovación. 
  • Contribuír ao logro das actuacións e os obxectivos de calidade establecidos no Plan estratéxico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. 
  • Desenvolver vínculos co sistema produtivo, cos axentes culturais, académicos e artísticos do contorno (sectorial, comarcal ou local) nos ámbitos seguintes: 
    • Formación do persoal docente das Escolas de Arte e Superiores de Deseño.
    • Formación do alumnado en centros de traballo e realización doutras prácticas profesionais.
    • Participación de profesionais do sistema produtivo, artístico e cultural na impartición de docencia. 
    • Colaboración na detección de necesidades de formación permanente dos traballadores e das traballadoras, así como na información e orientación das persoas usuarias, tanto a título individual como colectivamente.

Esta Política de calidade servirá de marco de referencia para establecer e revisar o Plan estratéxico e os obxectivos de calidade. 
As direccións das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia  revisará, polo menos unha vez ao ano, para verificar a súa adecuación á forma real de traballo da Rede das ditas Escolas. 
Co fin de que sexa coñecida por todo o persoal dos centros, a Política de calidade exporase publicamente nas instalacións das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia e divulgarase por calquera outro medio. 

Ás direccións das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia.

Juan Durán Alonso
Subdirector Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial


Santiago de Compostela, 01 de setembro de 2017

Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria