Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

[Escola]

Historia


Por un Real Decreto de 5 de novembro de 1886 creanse en España as Escolas de Artes e Oficios. As sete escolas de distrito corresponden a Alcoy, Almería, Béjar, Gijón, Logroño, Villanueva i la Geltrú e Santiago de Compostela, convertíndose a de Madrid en Central.
 
A Escola de Santiago abre as súas portas o 19 de febreiro de 1888 no edificio San Clemente (actual Instituto Rosalía de Castro). E nace co patrocinio da Real Sociedade Económica de Amigos do País, da Deputación Provincial, da Universidade e do Concello de Santiago.
 
O gran mentor do proxecto de creación desta Escola de Artes e Oficios foi D. Eugenio Montero Ríos, Deputado a Cortes polo distrito de Santiago e, daquela, Ministro de Fomento. No edificio San Clemente estivo situada a Escola ata o ano 1946, no que se traslada ao edificio San Agustín onde continúa na actualidade.

O primeiro director e delegado rexio do centro foi D. Joaquín Mª. Díaz de Rábago, quen era xa director da Real Sociedade Económica. Era persoa de ampla cultura e moi versada nos problemas históricos das ensinanzas técnico-artísticas. Mantívose no cargo ata o 29 de xullo de 1898.

 

primeiro claustro de profesores 1888

 

Este director marcouse dous obxectivos que debían de alcanzar este tipo de centros coas súas ensinanzas: "Por un lado instruír artesáns e obreiros subindo o nivel da cultura técnica xeral ou especial, por outro, crear e promover a instalación de talleres de pequenas industrias atendendo para iso ás que mais se cultiven ou florezan na localidade", como expoñía con claridade no discurso de inauguración en febreiro de 1988.
 
O primeiro obxectivo marcado era moi importante. Para ingresar no centro só se esixía saber ler e escribir, e a matrícula era gratuíta. Polo tanto non cabe dúbida de que a Escola constituíu para moitos artesáns e obreiros unha oportunidade única de recibir unha instrución xeral e así elevar o seu nivel de cultura. Non obstante, a columna vertebral do ensino na Escola era a instrución técnica.
A Escola espertaba un grande interese na sociedade, ata o punto de que nos Regulamentos das Sociedades de resistencia era norma un artigo no que se recomendaba a aprendices e afiliados a asistencia ás clases. E mesmo, en 1896, nun manifesto conxunto de todas as sociedades de resistencia compostelás aconsellábase "facer compatible os labores nos nosos talleres coas horas de ensino nas escolas de adultos, na de Artes e Oficios e na Sociedade Económica". A Escola colaboraba a este plan impartindo as ensinanzas de 6 a 9,30 da tarde. Cumpríase o primeiro obxectivo de Díaz de Rábago.
 
A Escola tivo unha grande importancia no desenvolvemento das artes aplicadas en Santiago e a súa bisbarra. No ano 1915 podíanse contar 32 talleres e establecementos creados por ex-alumnos da Escola e, ademais, cunha presenza maioritaria de alumnos entre o persoal que traballaba neles: tres talleres de ebanistaría, un de orífice-prateiro, dous de xastraría, un de fotografía, tres de lapidario marmorista, un de barbaría e peiteado, un de broncista, catro de carpintaría, un de construción de caixas de madeira, un de construción de máquinas de coser, dous de encadernación, tres de imprenta, un de engastado de pedras, catro de escultura, tres de ferraría, e completa esta lista un mestre de obras. Este cómputo supoñía no seu momento unha elevada porcentaxe da totalidade de talleres activos en Santiago que contaba con 24.921 habitantes e unha poboación flotante de 2.500. Estábase a cumprir o segundo obxectivo.
 
Durante o tempo que a Escola estivo na súa primeira localización, pasou por diferentes denominacións que facían referencia aos cambios nos plans de estudos que ían implantando. Así se chamou Escola de Artes e Oficios ( 1888-1903 ), Escola Especial de Artes e Industrias ( 1903-1912 ), Escola Elemental de Artes e Oficios ( 1912-1936 ),e Escola Elemental de Artes e Oficios Artísticos ( 1936-1963 ), xa instalada no edificio actual. Estes cambios de nome continúan e vén a chamarse Escola de Artes e Oficios, Escola de Artes Aplicadas, Escola de Arte e Deseño, ata a actual Escola de Arte e Superior de Deseño.
 
 
Un Decreto do 8 de xuño de 1910 promove unha reforma das Escolas de Artes e Industrias, que impartirán dende entón dous graos de ensino, o elemental e o superior, que van constituír respectivamente o primeiro e o segundo ensino técnico. As escolas en que se impartiu o primeiro denomináronse Escolas de Artes e Oficios; o seu principal obxectivo era a instrución e educación técnica dos obreiros, e servían ao mesmo tempo como preparatorias para o ingreso nas Escolas Industriales,que impartían o segundo ensino técnico. A Escola de Santiago acollerase a esta lei a partir do curso 1912-1913 co seu novo plan de estudos.
 
Ademais do cadro de ensinanzas, o Real Decreto do 12 de agosto de 1913 dicía: "Establecerase un taller en cada unha das Escolas de Artes e Oficios, tendo para iso presentes as industrias e oficios que predominen na localidade". E así nace na Escola de Santiago o taller de aprendizaxe de Metalistería Artística, no que se ensinaba dende montaxe e desmontaxe de motores eléctricos e de gasolina ata fabricación de ferramentas.

A guerra civil truncou os plans de reforma das ensinanzas técnico-artísticas previstos pola República. E, aínda que non chegaron a interromperse as actividades escolares, o baixón de alumnado foi grande. Un aspecto no que si se interesou moito en plena guerra civil o Goberno de Burgos foi o de suspender a coeducación no centro, que houbo de cumprirse rigorosamente a pesar do logro na porcentaxe acadada de mulleres como obxectivo marcado por Díaz de Rábago.

A Escola foi tamén viveiro de artistas. Desta primeira época pódese mencionar a Genaro Carrero Fernández, José Eiroa Barral, Mateo Larrauri Martínez, Maximino Magariños Rodríguez ou o fotógrafo Manuel Chicharro. E como non podería ser doutro xeito, aparecen múltiples intervencións en edificios, parques e rúas de Santiago, tanto de alumnos coma de profesores.

San Clemente, sede da Escola de 1888 ata 1945      

 

  

 

Da época de Escola Especial de Artes e Industrias ( 1903-1912 ) consérvanse no centro libros técnicos e aparatos de laboratorio, así como algunhas maquetas de elementos construtivos realizadas por alumnos. En 1909 tivo lugar un acontecemento moi importante para a cidade: a celebración da Exposición Rexional Galega destinada a "demostrar o grao de adiantamento da industria, do comercio e as artes,". A escola ía ter parte moi activa a través do labor desenvolvida na preparación e organización por algúns dos seus profesores, como Ramón Núñez, Enrique Mayer Castro, José Mª. Fenollera, Rafael de la Torre Mirón, Alvaro Caula e Manuel H. Álvarez Reyero. Nesta exposición varios profesores da Escola obterían premios e medallas.
 
A penuria económica da posguerra obrigou a clausurar durante o curso 1942-1943 os talleres de Prácticas de Repuxado, Labra e Talle en madeira e Prácticas de taller (pintura), pois eran os que mais presuposto absorbían. Reabríronse o curso seguinte ao concederse unha subvención polo Ministerio. Non obstante o maior problema deste período, e un dos maiores da súa dilatada historia estaba por chegar: o traslado da Escola a outro edificio, do que se viña falando dende o ano 1935. E, en efecto, en 1946 e en pleno curso académico e despois dunhas mínimas obras de acondicionamento, realízase o traslado ao edificio San Agustín, no que poderá ocupar soamente dez dependencias entre a planta baixa e a planta primeira ( hoxe ocupa as cinco plantas mais a ampliación dos anos setenta ). O estado das cousas era lamentable. "Os novos locais destinados a este centro eran unicamente uns vellos paredóns" segundo afirmaba o profesor e ex director Roberto González del Blanco. Pode dar unha idea da penosa situación o feito de que entre os anos 1947 e 1958 se cursaron ata oito peticións de reanudación de obras no edificio. Non obstante, isto non foi impedimento para que se abrisen durante o curso 1947-1948 dous novos talleres: Labra e Talle en Pedra e Corte e Confección, este último orientado exclusivamente ao ensino da muller, como mandaban as normas.
Houbo que esperar ata o ano 1954 para que se abordase un plan de acondicionamento de todo o edificio. Un primeiro proxecto do arquitecto Joaquín Vaquero non se puido levar a cabo, realizándose o presentado en 1958 polo arquitecto da Dirección Xeral de Belas Artes, Francisco Pons-Sorolla.
 
No curso 1957-1958 créase a materia de Composición Decorativa ( pintura e escultura relixiosa ), xa que despois da guerra os talleres de retablos e imaxinaría relixiosa adquiriran certo auxe. Pódense destacar entre estes talleres os de Juan Iglesias, José Rivas Urbano Parcero, José Aldrey e o de Anxo Rodríguez-José Puente. Pero non cuaxou e os talleres foron languidecendo sen encontrar continuadores.

En canto ao edificio, presentouse un proxecto de ampliación e reforma do arquitecto Carlos Fernández-Gago no ano 1971, pero non se puido materializar ata 1978. Neste proxecto considerábase un novo corpo facendo L co antigo e que creaba unha praza na parte posterior do centro, tal como o vemos.


claustro de profesores 1933-34

 

A finais dos anos corenta aínda coleaba o plan de 1910 que resultaba obsoleto e non respondía ás esixencias da sociedade de entón. Había que eliminar materias sen contido ou modificar estes e eliminar outras que xa non tiñan conexión cos últimos plans de estudos. Na I Asemblea do Profesorado de Ensino profesional e técnico celebrado en Madrid en outubro de 1945 xa se pedía unha reforma do regulamento de 1910 cunhas conclusións elevadas ao Ministerio, pero tan só a partir da estabilización económica dende 1959 púidose abordar a reforma, incluíndoa nos obxectivos marcados polo I Plan de Desenvolvemento ( 1964-1967 ). Se Promulgaba a nova lei "reguladora dos estudos nas Escolas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos o 24 de xullo de 1963. Na Escola de Santiago o encargado polo Ministerio de levar adiante a reforma foi o profesor Felipe Criado Martín, nomeado director o mesmo mes de xullo de 1963.

Dende este momento para o ingreso no centro esixíase ter 12 anos cumpridos e estar en posesión do certificado de estudos primarios. O plan prevía dous tipos diferentes de estudos: os "regulares" con tres cursos comúns e dous especiais, e os "específicos" dunha materia ou taller determinado orientado aos traballadores artesáns para perfeccionar o seu oficio. Ademais as escolas estaban autorizadas a organizar cursos de formación. A gran novidade que introduciu a nova lei foi a posibilidade de obter un título da especialidade correspondente, para o que había que realizar unha revalida sobre as materias dos dous cursos especiais. A denominación agora era Escolas de Artes aplicadas e Oficios Artísticos.
 
A Escola de Santiago empezou a impartir dende entón tres das catro seccións de estudos que contemplaba a lei: Sección de Decoración e Arte Publicitaria, Sección de Deseño, Delineación e Trazado Artístico, e a Sección de Talleres de Artes Aplicadas ou Oficios Artísticos. E así se mantivo ata que nos anos noventa implántanse os ciclos formativos de grao medio e grao superior para diferentes especialidades, que seguen convivindo cos novos estudos superiores de deseño, e que en conxunto achegan a última denominación ao centro, Escola de Arte e Superior de Deseño.

A Escola como entidade, e mediante os traballos dos seus alumnos concursou en varios certames e exposicións onde resultou premiada. Na Exposición Ibero-Americana de Sevilla en 1930 concédeselle o Diploma de Honra polo conxunto da súa achega artística. No II Certame de Traballo de Galicia ( Ferrol, 1935 ) tamén se lle concede o Diploma de Honra ao conxunto dos seus traballos.

Como datos curiosos podemos citar que no curso 1888-1889 se matriculou na materia de Debuxo de Adorno e Figura Ramón Mª del Valle Inclán, quen contaba por entón 22 anos. E que algúns artistas próximos que alcanzaron gran renome como Francisco Leiro alá polos anos setenta estudaron nas súas aulas.
 
 
 
 
 
Para maior información pode consultarse o libro "Historia de la Escuela de Artes y Oficios de Santiago de Compostela" de José Sousa e Fernando Pereira, publicado en 1988 con motivo do centenario do centro, e editado pola Deputación da Coruña.

 


edificio S. Agostiño no 1945

 

 

Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria