Gala Curros, profesora de Deseño de Produto. Mobiliade na Facultade de Belas Artes de Sarajevo (Bosnia Herzegovina). Curso 2021/22

16 04 2022 | Blog Erasmus

Do 4 ao 8 de Abril de 2022 tiven a ocasión de participar no programa Erasmus+ como profesora da EASD Mestre Mateo. No meu caso, o destino máis acertado foi a Facultade de Belas Artes de Sarajevo (UNIVERZITET U SARAJEVU, Akademija likovnih umjetnosti), en Bosnia Herzegovina. A facultade conta con estudos de Deseño de Produto igual que a Escola, polo que o profesor Srdja Hrisafovic, arquitecto e Xefe de Departamento considerou que sería interesante a miña participación nas súas clases.

A miña primeira toma de contacto coa Facultade consistiu nunha visita ás instalacións xunto con outros profesores das Escolas de Arte de Galicia. Máis adiante tiven o privilexio de coñecer ao grupo de 11 alumnas de 1º de Deseño de Produto, para conversar sobre as súas impresións sobre España e achegarlles información sobre Santiago de Compostela e a EASD Mestre Mateo ou os estudos que se imparten na Escola. Despois de amosarlles os traballos que desenvolveron as miñas alumnas e alumnos durante este curso, puxémonos a traballar no deseño de produtos feitos con cartón de refugallo. Este obradoiro axuda a adquirir a capacidade creativa, mellorar as capacidades de traballo manual e reflexionar sobre a universalidade da actividade de deseñar, en canto a que se poden executar pequenos proxectos con baixo orzamento.

O edificio da Facultade está situado no centro da cidade e á beira do río Miljacka, que actúa como eixo central da mesma. Tamén está próxima ao casco vello, ou barrio otomano, que resulta ser a parte máis turística desta capital, polo que a situación é privilexiada.

Para un maior enriquecemento cultural, os docentes visitamos outras institucións da capital de Bosnia, como o centro cultural “Bosanski kulturni centar”, que recupera e ensalza a cultura xudea, dentro do país, de maioría musulmá. Tamén tivemos ocasión de asistir a unha exposición na galería Collegium Artisticum, onde se expoñían traballos do alumnado da Facultade de Belas Artes.

Ademáis das visitas académicas e culturais, tivemos a ocasión de gozar da cidade como turistas, visitando as partes máis coñecidas de Sarajevo e as antigas instalacións dos Xogos Olímpicos de Inverno do ano ´84, así como da oferta gastronómica da cidade, que resultou en xeral moi amable e aberta, se ben aínda mostra cicatrices da guerra dos Balcáns.