Escola de Arte
e Superior de Deseño
Mestre Mateo

12/02/2016

SINERXÍAS MM: MODERNÍZATE, PON BOINA!

SINERXÍAS MM: MODERNÍZATE, PON BOINA!

BOINAS EN COMPOSTELA

SINERXÍAS MM: GALTEO MESTRE MATEO + CLUBE DA LINGUA IES MARCO DO CAMBALLÓN DE VILA DE CRUCES 

O vindeiro luns 15 de febreiro presentamos na Mestre Mateo un novo proxecto de colaboración co IES Marco do Camballón de Vila de Cruces que asocia o mundo da moda e as últimas tendencias á promoción da lingua galega. 

O Proxecto chámase "Modernízate: pon boina" e quere actualizar os valores da nosa lingua: unha lingua para a xente nova, moderna, rural e urbana, impulsada por valores como a igualdade de xénero ou a xustiza social.

Este luns, no corredor do primeiro andar da Mestre Mateo o alumnado dos CS de Fotografía e Xoiaría do Mestre Mateo e do IES de Vila de Cruces, farán a presentación do proxecto cunha pasarela informal para promocionar o uso da boina e a lingua entre a xente nova. Nesta pasarela poderemos coñecer os primeiros resultados desta colaboración: os complementos deseñados e realizados polo alumnado de Xoiaría para engalanar as boinas.

 Tamén participará no evento a artesá compostelá Sandra Vilas, fabricante da primeira boina galega do século XXI. 

 O proxecto que impulsan Galteo, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Mestre Mateo e o Clube da Lingua de Vila de Cruces, continuará da man do alumnado de Fotografía, coa realización dunha serie de retratos en estudio de personaxes da escena cultural e social galega, ataviados con boinas personalizadas cos complementos deseñados e realizados polo alumnado de Xoiaría. Estes retratos se empregarán para ilustrar supostas portadas de revistas de tendenzas, moda, literatura, música… 

O luns comezarán ás 10:00 as sesións no estudio de Fotografía da Mestre Mateo coa artesán Sandra Vilas.

 A boina é símbolo de moitas cousas. Durante moitos anos cubriu a cabeza de miles de galegos, e últimamente tamén de galegas, mais esta prenda foi utilizada maioritariamente no ámbito rural. É na actualidade onde comeza a verse en cabezas pioneiras das últimas tendencias, está chamada a renovarse, actualizarse, e converterse nunha peza importante na moda galega, e nun accesorio habitual de quen quera facer uso dela con orgullo e elegancia.

No proxecto está implicado o profesorado dos departamentos de Xoiaría e Fotografía da Escola de Arte Mestre Mateo e profesorado do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

 

 Máis alá da boina, o obxectivo final é promover o uso da lingua galega nas redes sociais e no ámbito das últimas tendencias, asociando o noso idioma coa vangarda e o mundo da moda e da fotografía, así que... MODERNÍZATE: PON BOINA!

 

A imaxe do cartel foi realizada no estudio de Fotografía da Escola. Modelo: alumna de foto Raquel Tarrio Parada, fotográfo: Ismael Torres González, deseño xoiaría: Elena González Escáneo.

Rúa Virxe da Cerca, 32 | 15703 Santiago de Compostela
T. +34 981 587 757 | F. +34 981 572 293
escola.arte.mestre.mateo@edu.xunta.es
XUNTA DE GALICIA - Conselleria de educación e ordenación universitaria